A relatividade especial é, tal vez, a máis coñecida teoría de Einstein. A pesar da súa enorme relevancia tanto conceptual como práctica, e despois de máis de un siglo da súa presentación, segue a ser unha grande descoñecida para o gran público e, con frecuencia, pénsase nela como algo misterioso e difícil de entender. No recente artigo Archimedes meets Einstein: a millennial geometric bridge, escrito xunto co compañeiro da UVigo Iván Area, cos profesores da USC Jorge Mira, José Edelstein e José Manuel Domínguez e coa alma máter do proxecto Xabier Prado, mostramos como diversos conceptos da relatividade poden ser entendidos a partires de ideas da xeometría da antiga Grecia. ¿Como se pode utilizar un dos teoremas de Apolonio de Perga para deducir o resultado dunha colisión relativista? ¿Pódese deducir o aumento de masa dun corpo debido á súa velocidade á partir da lei da panca de Arquímedes? Abordamos estas e outras cuestións no artigo, co obxectivo de deixar claro que un enfoque xeométrico é de gran valor á hora de ensinar a teoría da relatividade. Ademais, resulta fascinante establecer unha ponte que conecta belísimas ideas separadas por dous milenios.