angel.paredes/ octubre 4, 2018/ Contacto/ 0 comentarios

Xa se coñece o premio Nobel de Física 2018, outorgado a tres científicos polos seus impactantes avances na tecnoloxía láser. Non podo evitar comentar que eu explicaba estas contribucións no Mestrado en Fotónica e Tecnoloxías do Láser ata que lamentablemente tivo que ser cancelado, de xeito que estes contidos xa non se estudan na nosa universidade.

Gérard Mourou e Donna Strickland obtiveron o premio «polo seu método para xerar pulsos ópticos ultracortos e de alta intensidade», o chamado chirped pulse amplification. Os láseres concentran a enerxía pero parecía que chegaran a certo límite: precisan pasar pola materia para ser amplificados pero se se amplifican demasiado, destrúen a propia materia pola que se están propagando. Mourou e Strickland inventaron un inxenioso xeito de evitar este problema e, a día de hoxe, o récord de potencia dun pulso láser é de máis dun petavatio (é dicir, un millón de veces a potencia que xenera un reactor nuclear típico). Iso sí, esa potencia só se mantén unha billonésima de segundo.

Strickland é a terceira muller en acadar o premio Nobel de física, tras Marie Curie e Maria Goeppert Mayer. Outras tamén o mereceron e paréceme acaído lembrar aquí a Chien-Shiung Wu, que ao meu entender, foi a omisión máis incomprensible.

Arthur Ashkin foi o pioneiro en manexar materia con láser. Recibe o premio con 96 anos, sendo, con diferenza, a persoa máis anciana en acadalo. O premio é «polas pinzas ópticas e as súas aplicacións en sistemas biolóxicos» A luz ten momento lineal e, polo tanto, pode transmitilo. É dicir, facer forzas e suxeitar cousas. Este é un curioso vídeo, xogando ao Tetris con pinzas ópticas para manexar esferas de tamaño micrométrico.

Compartir esta publicacion

Dejar un Comentar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Puedes usar estos HTML tags y atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*